NOTICIAS

IMPORTANTE DOAZÓN Ó MUSEO ARQUEOLÓXICO DA CORUÑA

Ampliar imagen
Ampliar imagen
Queremos homenaxear aquí o xesto exemplar tido polos activos e queridos membros de Amigos dos Museos de Galicia, o matrimonio formado por Francisco Valtuille e Mª. Dolores Luengo Pastor, filla do ben lembrado arqueólogo José María Luengo Martínez, ao acordar doar ó Concello da Coruña e para os espacios do Castelo de San Antón, os bens máis prezados polo seu pai e por eles gardados deica agora: o seu despacho con mobiliario e complementos dos séculos XVIII e XIX, bargueños, armarios, biblioteca con completa e representativa obra dos pioneiros da Arqueoloxia, especialmente europea; inéditos, documentos, coleccións de arqueoloxía, fotografías, gravados e cadros que incluso se expuxeron en “Las Edades del Hombre”

JOSE MARIA LUENGO MARTÍNEZ
naceu nun emblemático 17 de maio do 1896 na casa familiar da praza de Santocildes, en Astorga, continuador da bonhomia, filantropía, inquedanzas pola investigación que caracterizaron á súa mesma saga familiar, a dos Martínez Salazar, Martínez Morás e polo tanto curmán dos Martinez Barbeito. Luengo gardou con agarimo, no seu piso da rúa coruñesa de Juan Florez, moitos aspectos desta familia, á quen tanto lle debe a cultura de Galicia i en especial a cidade da Coruña. Aqui morre un 8 de marzo de 1991 para recibir sepultura en Astorga.

Luengo, dende moi novo vincúlase e paticipa con colectivos, institucións de investigación e salvagarda do patrimonio cultural de Astorga e a maragatería, sendo seu mellor etnógrafo; párase tamén en estudos sobre Ponferrada e o Bierzo, e dedícase con profundidade á investigación arqueolóxica en Galicia, centrándose na Coruña, cidade na que exerce e vive como funcionario de Facenda, Xefe Superior de Administración Civil.

Dende 1940 actúa como Comisario Provincial de Escavacións Arqueolóxicas , da Comisión Provincial de Monumentos da Coruña, organizador e membro do Comité de Honra de varios Congresos de Arqueoloxía, Etnografía ou Historia; da Comisión de Turismo, Creador e Director do Museo Arqueolóxico da Coruña no Castelo de S.Antón (1965-1972). Numerario da “Sociedad Española de Antopología, Etnografía y Prehistoria”, así como da Real Academia Galega de Belas Artes, do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses, do que fora fundador; do Instituto de Estudos Bercianos….correspondente da Real Academia de la Historia, da Asociación de Arqueólogos Portugueses… Actividades coas que alterna con constancia i entusiamo.

Luengo foi i é reiteradamente homenaxeado e lembrado nos museos de Astorga, como Fillo Predilecto da cidade, igualmente en Ponferrada… Medalla de Alfonso X o Sabio. Chegou pois agora un momento esperado na Coruña - pese ás reiteradas solicitudes á Alcaldía por parte de Amigos dos Museos de Galicia, e despois do xesto tido pola familia Valtuille Luengo, da actividade da concelleira de Cultura, M.Xosé Bravo, que nos acompañou varias veces nestas inquedanzas e diálogos coa familia, de don Xosé Antonio García Caridad, íntimo amigo da familia - ó preverse perpetuar a memoria e dedicar unha rúa co nome de “Arqueólogo J. Mª. Luengo Martínez”, así como que os bens legados pasen ó Museo Arqueolóxico e ambienten de contido espazos que o ilustre astorgano-coruñés puxo a salvo para a arqueología e a museoloxía, cando él mesmo e toda a súa historia xa sería elemento a musealizar.

Luengo escava no Castelo e Castro de Valderas, León, 1924; no campo de mámoas de Cambás, Coruña, 1944; no Castelo de Aranga, Coruña, 1944; no Castro de Meirás, Sada, a Coruña, 1942-1944, con importantes resultados respecto ós ritos de incineración dos castrexos e a importancia da metalurxia nestes asentamentos da Idade do Ferro. Escava e investiga os vestixios da súa “Asturica” romana, entre eles as cloacas (1954-55) Especialmente centrado na recuperación e posta en valor do Castro de Elviña, Coruña, no que inicia escavacións no 1947 ó 55, pondo ó descuberto paramentos da súa potente estructura defensiva, así como a cisterna, o templo do ídolo e o solprendete achado dun tesouro aureo formado por dúas diademas e un collar co seu colgante. Obras antológicas entre a ourivería da Protohistoria polo seu delicado traballo. Propón e consigue a declaración de monumento Nacional deste xacemento arqueológico e incluso denuncia a FENOSA, por colocar un tendido eléctrico de alta tensión sobre o mesmo, con resultados positivos para ó monumento ao menos na sentencia. Teoriza sobre un gran Museo Céltico na Coruña, escava a necrópole romana da Rúa Real da Coruña e pon a salvo no museo as estructuras funerarias de inhumación (1949). Investiga, escava e publica unha interesante monografía sobre o Castelo Templario de Ponferrada (1959) Escava tamén a vila romana marítima de Centroña en Pontedeume (1960-61) e o Castro de Baroña en Porto do Son , Coruña (1969-1972), con interesantes resultados. Traballos, que dun xeito ou doutro sempre se deron a coñecer en publicacións para a investigación futura.

A actividade que resumimos aquí, entre moitas outras pescudas, preocupacións, etc, xeraron unha importante documentación e legado, o que a familia Valtuille Liengo pon agora ó servicio dos coruñeses e de Galicia, da investigación arqueolóxica e histórica, así como de canto supón a museoloxía . Feito exemplar, que é moi de agradecer, especialmente cando priman outras tendencias i escasean os bens históricos e culturaes que nutren os mercados de antigüedades.


Fecha: 13/02/2010


artigos
proxeccións
conferencias
exposicións
próximas xeiras
comunicados
Ligazóns  |  Aviso legal  |   Desarrollo web: Brigantia