Quen son: Felipe-Senén López Gómez
(Carballiño 10 - marzo- 1948).
Vive intensamente a súa ourensana vila natal, un Carballiño que en anos de emigración “ás américas” e a Europa, entre aguistas e feiras de sona, ve erguer o Templo da Vera-Cruz, do arquitecto Antonio Palacios; que celebra as súas festas populares e crea tamén outras novas como a Festa do Pulpo. Entre eso e moito máis fai seus primeiros estudos no Carballiño e no Insituto de Ourense, onde se vencella como colaborador ao Museo Arqueolóxico, dirixido entón polo historiador don Xesús Ferro Couselo , sumándose igualmente ás actividades da agrupación cultural “Auriense”, animada polo avogado Nemesio Barxa, actividades e xeiras nas que era frecuente a presencia de don Ramón Otero Pedrayo e Xaquín Lorenzo… No Museo de Ourense fíxolle ver a vixiantes e director que a roda de carro de Catoira, datada polo C14 na Idade do Bronce, estaba siglada counhas RM...que logo corresponderon ser coas do carreiro que a fixo. Estuda Filosofía e Letras, especialidade de Historia da Arte na Universidade de Santiago de Compostela, a un tempo que fai prácticas de museoloxía e arqueoloxía co historiador Manuel Chamoso Lamas na creación, instalación e posta en funcionamento do Museo das Peregrinacións, e do Museo do Viño do Ribeiro, en Ribadavia; participando igualmente como supervisor de campo nas prospeccións arqueolóxicas do Castro de Viladonga (Castro de Rei, Lugo) e na ermidade San Guillermo de Fisterra. No ano 1975 pasa a reorganizar aspectos no Museo Arqueolóxico da Coruña, ubicado no Castelo de San Antón, sendo nomeado director-conservador. Coa ansia de abrir a institución do museo ó gran público e ás cuestións socioculturais da cidade e de Galiza, crea o colectivo de colaboradores e Amigos do Museo Arqueolóxico, que será base para a posterior formación da asociación Amigos dos Museos de Galicia. Coa mesma ansia de dinamización e sesibilización sobre as cuestións arqueolóxicas e patrimoniais da cultura de Galicia, crea e dirixe dende o museo coruñés o Boletín “Brigantium” e unha serie de publicacións, a un tempo que coordina traballos de prospección arqueolóxica submariña co Grupo de Investigación e rescate Arqueolóxico Subacuático (GIRAS), do Clube do Mar de San Amaro, dirixido entón por Rafael Mejuto Garcia. Prospéctase a baía da Coruña e outras áreas da beiramar da provincia, intervindo en aspectos relativos á sensibilización sobre o patrimonio asulagado, sempre tan esquecido, pese a ser paíis que emproa a un océano maior e se di ´para mariñeiros nós´: lexislación, competencias, cuestións técnicas etc. Dende o Museo Arqueolóxico coruñés inicia igualmente o traballo de supervisión e posta en valor do Castro de Elviña. Iniciando de 1978 a 1985 a consolidación e limpeza da área escavada a finais dos anos cuarenta por Luengo Martínez. Xacemento na área periurbana coruñesa coa que tenta sensibilizar ós gobernos, medios e cidadans para a súa potenciación como importante recurso cultural e turístico. Traballos que, pese ós esforzos, paralízanse por falla de apoio institucional e moitos problemas que comenzaban pola expropiación de terreos.
Membro do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos, numerario e Secretario Xeral da Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario , na que ingresa (1987) cun discurso sobre “A auga e as fontes en Galicia”. Numerario e Secretario do Instituto Xosé Cornide de Estudos Coruñeses, no que é recibido cunha disertación sobre “Cuestións Arqueolóxicas e Museolóxicas: revisión dende o Museo Arqueolóxico da Coruña” (1994), na que se detén en cuestións profesionais de presente e futuro relativas ó Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón, Castro de Elviña e Torre de Hércules.
No 1996 pide excedencia no Museo Arqueolóxico da Coruña e pasa á Deputación Provincial da mesma cidade como Técnico de Xestión Cultural, inspirando e coordenando plans de dinamización cultural, museoloxía e recuperación do patrimonio cultural moble, inmoble e ideolóxico, así como a posta en valor de ecomuseos, tan significativos como ponte entre pasado e presente, para entender as bases culturais dunha Galiza rural en transformación.
As vivencias, o tema carballiñés, as cuestións patrimoniais e museolóxicas caracterizan unha obra dirixida fundamentalmente a sensibilizar sobre a riqueza patrimonial e o estado da cuestión, nun tempo de globalización consumista no que afianzar a identidade.
Cunha importante laboura na dinamización cultural galega: fundador da asociación cultural “Avantar” do Carballiño, de “Alexandre Bóveda” da Coruña, do semanario “A Nosa Terra”, da revista de pedagoxía o “Ensino”, coas que colabora con artigos de divulgación e sensibilización sobre o patrimonio cultural . Aspectos que ininterrumpidamente trata en diferentes medios de comunicación de Galiza e moi especialmente en conferencias por diferentes colectividades galegas, asociacións culturais ou universidades do Estado, Európa e América. Creador e animador de “Amigos do Museo Arqueolóxico da Coruña”, que pola súa actividade recibe en 1994 o “Premio Otero Pedrayo”, inspiradora e base de “Amigos dos Museos de Galicia”, colectivo con espazo de cultura propio e vida cultural ininterrumpida en “Portas Ártabras” na Cidade Vella coruñesa. Asociación pioneira na sensibilización sobre a inmensidade do patrimonio cultural de Galicia, con iniciativas como o “Premio Pedra do Destino” á defensa do patrimonio cultural e as “xeiras” ou excursións guiadas ó longo de todo o ano por Galiza. Actividade integral aberta a todas as idades e sensibilidades que se entende e espalla como un xeito de “coñecer para querer e defender o patrimonio”
Preocupado pola linguaxe simbólica na tradición galega, así como pola posta en valor do patrimonio etnográfico e arqueolóxico. Aspectos que desvela incluso na súa faceta artística, especialmente como ilustrador, cartelista e pintor. Con obra dirixida a diferentes niveis de comprensión, os que fundamentalmente van da divulgación ó ensaio, participa en múltiples publicacións, artigos nos medios de comunicación de Galiza, folletos, guías, programas de radio, TV, prologuista, Enciclopedia Galega, autor de varios libros, especialmente sobre cuestións en relación coa identidade cultural e recursos turísticos, entre moitos outros vinculados á investigación arqueolóxica ou histórica, expostos en congreos, conferencias, etc. Museos de A Coruña (Everest, León 1989), Artesanía de Galicia (Silex, Madrid 1981), Ferro Couselo (Artesa, Coruña, 1996) Ourense Etnográfico (Diputación, Ourense 1998), Os Xogos Tradicionais en Galicia (Proxecto Galicia. Hércules, A Coruña 1999) Festas populares de Galicia (serie con diapositivas): Nadal, Antroido, Semana Santa, Maios, San Xoan, Festas populares, Magostos (Baía , A Coruña 1997). Os primeiros galegos:prehistoria e arqueoloxía de Galicia ( Lea, Santiago 2003), Memoria do Carballiño (Xerais, Vigo 2003). Xaquín Lorenzo Fernández (Baía – 2004), etc, etc,etc.
