Memoria coas “Industrias da Memoria”, Sargadelos e o Castro”
Trampas, “xustas” e inmorais Leis do libremercadeo desterran a ética e globalizanse en nome da democracia.
Trampas, “xustas” e inmorais Leis do libremercadeo desterran a ética e globalizanse en nome da democracia.
Consecuencias que tamén ollamos planear sobre aquela teoría e práctica para contribuir á rexeneración de Galiza,iniciada por galegos da diáspora, os que escoitaron “a derradeira lección do mestre” morto no exilio, Castelao.
Detrás das empresas de “Sargadelos” e o “Castro”, existe unha tese, unha teoría feita práctica, a das “Industrias
da memoria”, que non é máis que xenerar recursos, recuperar e dignificar a memoria histórica da Galicia das
annésicas augas do Letheo, a través do humanismo. Aquí cumpriuse aquelo de “non des a esquecemento da
inxuria o rudo encono”. O “Laboratorio de Formas” é o xerador desas ideas, as que fixeron que moita xente
nova da Mariña lucense, de Cervo, non emigrase, cando precisamente naquelas terras se tramaba e edificaba
Alúmina-Aluminio e se planificaba unha central nuclear en Xove… toda Galiza era un solar a especular,
A semente do vello Seminario de Estudos Galegos prendeu dalgún xeito ; aquela derradeira lección de mestre
asesiñado aprendéuse por algúns. Esta vez fíxose realidade no medio dunha Galiza negada e amedrentada pola
dictadura. Nuns e noutros espazos, en Sargadelos e no Castro, os precursores, Murguía, Rosalía, Castelao, Otero
Pedrayo, os renovadores e tamén as inquedanzas das “movidas” mozas, sempre atoparon agasallo i expresión.
Arredor dos tabuleiros de deseño “re-creado” sobre Galiza, acolléronse as teorías sobre ética e a estética, a
tradición e a modernidade, arte e industria…. vencelláronse conciencias, arredor de “Ruedo Ibérico”, insistimos,
en en momentos de medos e silencios. Por unha vez en Galiza a teoría fíxose praxe, encetouse e abríuse unha
experiencia, das moitas que poideran facerse, arredor da cérámica, o caolín e o deseño como recursos do país . O
tanden de dous creadores, Luis Seoane e Díaz Pardo, súa teimuda constancia e crenza nun país que é historia,
ansia e xente, fixo posible que as marcas de Sargadelos e o Castro se identificaran cunha terra e co noso tempo.
Aquelas formas levan a impronta de Galiza porque algún mago llas soubo dar, fora de folclorismos e deses
esperpentos aos que irracional e facilmente se tende, os que locen polos puntos cardinais, para facerse tópico das
miserias. Eses vicios-monstruos, tan represenrtados na Historia de Galiza e mesmo nas formas saídas destas
empresas, somellan asomar unha vez máis baixo os tellados. Nunca agardaríamos de traballadores formados en
“Sargadelos” e no “Castro” tal comportamento co seu mentor. Non entran nese estilo as derradeiras esceas do
mestre aldraxado da “Lingua das Bolboretas”. Máis algo semellante xa pasara co ilustrado Raimundo Ibañez,
nos albores do século XIX, tamén pasou co mesmo con Castelao, que ao fin e ao cabo morreu no desterro… para
hoxe dubidar sobre a nazón galega. Cousas do deformado país-monstro, da saturnal “Galiza-Canibal”. Cuestión
que non fuxe á sensibilidade de Seoane, e como un agoiro representa no gran mural-mosaico de acceso á símbolica
planta circular de Sargadelos: o cabalo tripando sobre o ilustrado señor de Sargadelos derrubado. Repítense os
feitos con máis sofisticadas e “democráticas” estratexas, utilizando un anovado cabalo de Troya.
“Sargadelos” e o “Castro” acolleron a palabra en tempos de silenzo, foron o fogar para moitos intelectuais que
retornaba do exilio. ¿Canto poideran dicir Dieste, Lorenzo Varela, Arturo Cuadrado, Blanco Amor, Neira Vilas….?
¿Canto qué contar creadores e investigadores máis novos, con ansia de expresar súas pouco comerciais
creacións?. Os que tiñan algo que dicir cón ética e estética, atoparon aquí algo máis que unha man aberta, tribuna,
imprenta e axuda, senón tamén unha casa común, especie de paraíso que recibía a luz da cantada Alborada, algo
da ansiada Galiza Nova, redimida. Formáronse arquivos, que son memoria aberta de Nós: a II República, a
“Guerra incivil”, que dicía Castelao, o exilio, correspondencia, bibliografía, cartaces, arte…. algo que deberan
facer e, asumidamente, non fixeron institucións públicas. E neso, Isaac Díaz Pardo e os seus, sempre a pe de obra,
cos ollos ben abertos a todo acontecer, cedendo para os demáis, deixando persoalismos e cotizadísimas habilidades
artísticas - coas que poideran vivir como os mellores artistas do mercado - para cedelo todo e gañar o respecto e a
admiración de cantos sentían algún compromiso con Galiza e coas xentes do traballo. Particular e atípico
“márketing” nos tempos das tiranías e que moitos acollimos. As obras de arte seriadas e feitas cerámica, os
productos de Sargadelos e o Castro, foron como unha pequena parte de Galiza, coa que agasallamos aos demáis. E
vaia por onde se vaia, onde haxa un amigo de Galiza, campará unha figuriña de Sargadelos: memoria recreada
sobre as formas tradicionais e a Historia deste extremo occidente. Namentres, coa obra de Seoane e de Isaac,
como acontece coa obra de moitos galeguistas que levaron unha estrela na fronte, outros negocian para uso
exclusivo. Por algo, o experimentado Seoane - do que notamos a falla nesta secuencia - alertaba das “ratas”.
O proceso das antítesis, que culmina agora, xa tivo algúns anuncios, os que comenzaron co pasamento de Luis
Seoane, cando se fendeu do Museo Carlos Maside, que él fundara, o seu legado. Para, coa súa obra, fora do seu
contexto, constituir unha Fundación, amparada polo Concello da Coruña e agora pasar a vivir e estar no risco das
subvencións, funcionarizarse e reducirse a patrimonio de estetas. Cando toda a obra de Luís Seoane está en
función dunha ética, dunha Terra, Galiza, e polo tanto duns talleres ou fábricas, para seriar, producir e dignificar o
traballo e a secuencia creadora do país: deseño do libro, grabado, serigrafía; o tapiz, os múltiples, o deseño do
moble, os murais, a cerámica….obra inacabada, para seriar en cambios de cor, inversións na colocación das
figuras, etc….pero somella que esa teoría de contemporaneidade, o máis maduro froito e exportable que diu a
Galiza do século XX, adiantandose a moitos outros países, desenvolta en conferencias, mensaxes radiofónicas, en
textos escritos, pese ao esforzo didáctico, non se entendeu.
Industrias para recoller a memoria e a creatividade, esa parte do que somos: a “Editorial do Castro”, o
“Laboratorio Xeolóxico de Laxe”, as galerías espalladas polas cidades do mundo, como embaixadas; O “Instituto
Galego da Comunicación”, teoría inacabada e pouco arroupada para normalizar o país…. vellas e anovadas
teorías do galeguismo, compromiso feito realidade, producto dun Díaz Pardo humano e que tamén tivo seus erros
- os dun confiado asceta ou dun comprometido e insólito, riguroso militante comunista, para achegarse a todos
como “conservador-libertario” - de dar todo aos demáis, menos aos seus, os que foron criados nos principios
desa Galiza anovada. Namentres, os que non entenderon a lección medraron e confundíronse para confundir.
Isaac, endexamáis parou, nin tan siquer cando era reclamado e retirado do seu traballo, para recibir aplausos e
asistir a liturxas. Namentres os outros, cos subidós das febres mercantilistas, sen ofrecer nada, contuvernian para
convertir a empresa nunha especie de granxa de galiñas poñedoras. Nesa doble moral, tan dos nosos días, críase
e medra canto de tribal queda no confín dos castros. E nesas desnortadas, caninas trifulcas, chégase a triscar a
man e o pescozo de quen bota de comer… e o peor, téntase contra un modelo e contra o futuro. Envelenada guinda
para o “Ano da Memoria”.
Debe saber Isaac Díaz Pardo, ben curtido no duro acontecer dos camiños da vida, tamén os seus, que non están
soios, que aínda hai País, que hai quen ten memoria e lealdade. Xa se está a ver unha resposta solidaria, que
reclama a ética que caracterizou e debe seguir activa nesas empresas. E onde estas raiceiras hai, está a
creatividade e a constancia, como tronco para erguer ponlas e seguir a medrar o verde esperanza para novas
frores, froitos e sementes de futuro. Resistímonos a que se maltraten, adulteren e se deixen perder nosos
referentes, aquelo do que nos gabamos, parte do que somos, o estilo, as boas formas e o respecto que distinguiron
a unhas empresas que tentaron, sempre, unir.
Os xenios non se improvisan e resisten.
